Thursday 02 de May de 2024

O Concello renova os parques infantís das Lagoas e Mosteiro de Cines


O investimento na mellora de instalacións para pequenas e pequenos achégase aos 1,5 millóns de euros, con actuacións en 20 parques

O Concello da Coruña, de acordo co Plan integral de mellora dos parques infantís, está a realizar actuacións en varios dos recintos cumprindo co obxectivo impulsado polo Goberno de Inés Rey de acondicionar e mellorar a accesibilidade dos 139 parques da cidade.

Un dos traballos que se está a realizar nos ditos recintos é a renovación do solo de caucho. Concretamente, nos parques da Cubela, Oza e Orquídeas, nos que están en marcha ditos traballos, xunto cos parques das Lagoas e Mosteiro de cines onde xa se remataron as actuacións programadas para o seu acondicionamento. En canto aos traballos de adecuación do pavimento, seguen os labores nas zonas infantís da praza Elíptica, do paseo das Pontes, praza de Portugal e praza do Parque, onde tamén se pode apreciar o avance.

A finalización das actuacións en Mosteiro de Cines e Lagoas súmase ás 18 executadas anteriormente, que chegan a un total de 20 obras rematadas neste mandato e avanzando no obxectivo do executivo de Rey de completar o Plan integral de mellora. Ademais, no caso do parque de Mosteiro de Cines tamén se fixeron melloras do valado e o mobiliario urbano da contorna, atendendo ás propostas realizadas pola Asociación de Veciños e Veciñas do Ventorrillo.

As instalacións, que non permitían o acceso polos labores de intervención que se estaban a realizar, continuarán pechadas á espera da certificación que permita a súa apertura. No que vai de mandato, o Concello leva investidos cerca de 1,5 millóns de euros na mellora de parques infantís.

Ampliación do parque biosaudable do peirao de Oza
O Goberno de Inés Rey tamén está levando a cabo actuacións para acondicionar e mellorar as zonas deportivas ao aire libre, así como crear novos espazos para a dita actividade. Á posta en marcha do novo parque de calistenia no Ventorrillo, sito na rúa Alcalde Jaime Hervada, sumouse recentemente a ampliación do parque biosaudable de Oza, con catro novos aparellos para a actividade deportiva.